A Trasnada 12.0

Recomendámoslle aos asistentes ao obradoiro de localización que traian un portátil.

En que consiste?

A trasnada sérvenos de punto de encontro aos tradutores de software libre que traballamos baixo o paraugas do Proxecto Trasno. Organizámolo como unha sesión de traballo para lograr acordos e planificar o futuro. Como noutras ocasión e buscando producir traducións de calidade, o tema de debate fundamental será a terminoloxía no ámbito da tradución. Por outra banda, fará de escaparate ao público que queira coñecer o proxecto, a xente que o conforma e como punto de aprendizaxe para todos os interesados en colaborar na localización.

Cando e onde?

A trasnada 12.0 farase este 18 e 26 de Maio no Centro Ágora, na Cidade da Coruña, rúa Ágora, s/n. Aquí tedes un mapa de onde se realiza a actividade:

Programa das xornadas

Venres 18 de maio

1. Sesión de tarde:

Destinada a: persoas interesadas na localización e público xeral

Lugar: Aula 9, Centro Ágora

19:30 «Como e porqué se traduce software libre ao galego?»

Con Antón Méixome (tradutor de OpenOffice e LibreOffice), Leandro Regueiro (tradutor de Xfce e Inkscape), e Miguel Branco e Xosé Calvo (traductores de KDE). 

Sábado 26 de maio

1. Sesión de mañá:

Espazo 1

Destinada a: persoas interesadas na localización

Lugar: Sala informática, Centro Ágora

10:00 Apertura da xornada

10:15 Inicio da discusión de terminoloxía

13:00 Asemblea Xeral Ordinaria da AC Proxecto Trasno

14:00 Descanso para xantar

Espazo 2

Destinada a: persoas interesadas na localización e público xeral

Lugar: Aula 9, Centro Ágora

10:30 "Introdución á localización de software libre"

11:30 Obradoiro práctico de localización

13:30 Entrega de agasallos para os asistentes.

14:00 Descanso para xantar

2. Sesión de tarde

Espazo 1

Destinada a: tradutores e interesados na terminoloxía informática

Lugar: Sala informática, Centro Ágora

16.00 Sesión de terminoloxía (continuación)

20:00 Peche da sesión

Espazo 2

Destinada a: persoas interesadas na localización e público xeral

Lugar: Aula 9, Centro Ágora

16:30 "Introdución á localización de software libre"

17:30 Obradoiro práctico de localización

19:30 Entrega de agasallos para os asistentes.

20:00 Peche da xornada

Que necesito para ir á Trasnada?

Tanto se vés á xornada de terminoloxía coma a aos relatorios para público xeral recomendamos que traias o teu equipo portátil.

Pódese seguir a través da rede?

Os membros da asociación poderán seguir e participar no evento polas canles IRC do proxecto. As novas que se vaian producindo iranse subindo aos nosos perfís nas redes sociais (véxase a sección de chíos no web). Estade moi atentos ás redes e animádevos a interactuar connosco ese día!.

As presentacións empregadas subiranse ao web con posterioridade.

Máis info e actualizacións na sección do wiki.

NOTA: Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2012 da Xunta de Galicia.

Como traducir unha páxina html aproveitando as vantaxes de transformación a formato .po

Proxecto Trasno recolle nun excelente tutorial de Miguel Bouzada como organizar a tradución e localización dunha páxina en html.

Este como nace da necesidade de dispor dun xeito doado de tradución, de ficheiros de axuda e de páxinas web, feitas con HTML (.htm, .html, .xhtml).

Pensado, inicialmente, para que os desenvolvedores fornezan un método estándar para a tradución, aos tradutores sen perfil técnico, serve tamén para aqueles tradutores máis avanzados que queren simplificar procesos, ou fornecer métodos máis doados a compañeiros de equipo.

Neste documento imos ver os seguintes pasos para completar o proceso:

Traballo a cargo do(s) desenvolvedor(es) ou do coordinador de traducións
1 Preparación das ferramentas e ficheiros
2 Conversión de HTML a .po
Traballo a cargo do(s) tradutor(es)
3 Proceso de tradución
Traballo a cargo do(s) desenvolvedor(es) ou do coordinador de traducións
4 Conversión de .po a HTML
5 Tradución de .xml
Traballo que debe definirse se o fai o tradutor ou o desenvolvedor/coordinador
6 Tradución (?) de imaxes

O manual completo no noso wiki:

http://wiki.trasno.net

Apto para todos os públicos :-)

Apache OpenOffice 3.4 ve a luz

O proxecto Apache OpenOffice Apache anuncia a dispoñibilidade da Apache™ OpenOffice 3.4, a primeira versión do OpenOffice baixo o goberno da Apache Software Foundation.

Apache OpenOffice é a principal suite de ofimática de escritorio de código aberto, con máis de 100 millóns de usuarios en todo o mundo tanto domésticos, empresas, gobernos, invetigadores e ambientes académicos, en 15 idiomas. Apache OpenOffice 3.4 está dispoñíbel para descargar gratis.

Esta nova versión é, pois, un fito transcendental para o OpenOffice despois dun ano de traballo en silencio e cando todo indicaba, tras o abandono de Oracle, que o proxecto OpenOffice podía darse por pechado. A comunidade de tradutores de software ao galego presenta orgullosamente a nova de que o galego está entre o reducido número de 15 idiomas nos que se ofrece unha versión nativa completa.

A AC Proxecto Trasno celebra a 1ª asemblea ordinaria de 2012

logoA Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno informa de que se celebrará a primeira asemblea ordinaria do ano 2012 o vindeiro Sábado 26 de Maio ás 13:30 no Centro Ágora, na cidade da Coruña.

A esta asemblea están chamados todos/as os/as socios/as para decidiren sobre as cuestións incluídas na orde do día, así como de calquera outro tema que desexen que se discuta no seo da asociación. Porén queremos facer extensivo este chamamento a todos/as os/as localizadores/as ao galego que non forman parte da asociación para que poidan coñecernos, preguntarnos e dar a súa opinión sobre dos temas que nos ocupan ou mesmo asociarse. 

A asociación xurdiu no 2009 cos traductores do Proxecto Trasno, xa nado no 1999, para representar ao proxecto e fomentar a localización de software libre ao galego. Durante estes últimos a asociación organizou diversos actos de difusión de software libre e de facilitación do labor de localización de software libre ao galego.

Calquera persoa interesada en coñecer o Proxecto Trasno e a súa Asociación, poderá asistir tanto á asemblea como á Trasnada 12.0 que tamén se celebrará en parte ese mesmo día.

A asemblea e a Trasnada 12.0 terán lugar no Centro Ágora, na Cidade da Coruña, rúa Ágora, s/n. Aquí tedes un mapa de onde se realiza a actividade:

Para informarse ou preguntar sobre da reunión, póñanse en contacto neste enderezo de correo.

A maxia da animación 2D en galego grazas ao Tupí

Tupí Magia 2D do Brasil para o mundo!Tupí, o novo software libre de animación en 2 dimensións (2D), está sendo traducido ao galego. A arte da animación achégase a nós grazas ao traballo do trasnego Miguel Bouzada que fixo a localización da interface e está traducindo os tutoriais e manual:

 http://www.maefloresta.com/wiki/index.php?title=Páxina_principal

Tupí, con ese nome non pode ser outra cousa que un software de ADN amazónico, nace como derivado do proxecto KTooN e constitúe a partir de agora o único software de animación en galego cunha interface o suficientemente intuitiva e accesíbel tanto para nenos como para animadores profesionais. A tecnoloxía detrás do Tupí parte das bibliotecas Qt ás que se lles saca todo o rendemento mediante a linguaxe C++.

 

O proxecto de desenvolvemento baséase no modelo do software libre, tanto para o software como para os contidos desenvolvidos, arredor da cal se está creando unha comunidade mundial de artistas, desenvolvedores e co apoio de empresas e institucións. Ao ser un proxecto nacente, está nun momento de máxima receptividade a innovacións e desenvolvementos como a posibilidade de traballo colaborativo simultáneo nun mesmo proxecto de animación.

Tupí pódese instalar cos paquetes oficiais en Debian pero está dispoñíbel para calquera distribución GNU/Linux grazas ao fornecemento do código fonte; tamén está dispoñíbel un manual para compilación en Mac e está en proxecto levalo á plataforma Windows.

Xfce 4.10 xa dispoñíbel en galego

Logo de XfceO proxecto Trasno anuncia a publicación da última versión estábel de Xfce, a versión 4.10, que inclúe múltiples melloras entre as que se inclúe unha tradución ao galego mellorada e actualizada.

Entre as novidades máis importantes desta nova versión de Xfce atópanse un novo buscador de aplicativos, melloras nas posibilidades de disposición dos paneis, un novo editor de tipos MIME que permite asociar de forma sinxela os aplicativos que abren cada tipo de ficheiro, visualización de miniaturas, melloras nos diálogos de configuración, inicio de aplicativos desde o escritorio cun só clic ou a inclusión da posibilidade de dispór as xanelas nun mosaico e melloras no intercambio de xanela. Na nova de publicación pódense descubrir o resto de novidades incluídas nesta última versión.

Ademais o proxecto Trasno tamén acaba de publicar a memoria de tradución en formato estándar TMX (Translation Memory eXchange) correspondente á tradución desta última versión de Xfce, incluíndo as traducións da interface de usuario e da axuda do núcleo e dos seus compoñentes. Esta memorias de tradución inclúen cambios realizados nas traducións para reflectir os últimos acordos de terminoloxía adoptados nas Trasnadas impulsadas polo Proxecto Trasno.

Ubuntu 12.04 "Precise Pangolín" xa dispoñíbel en galego

Proxecto Trasno ten o pracer de presentar un dos grandes fitos do software libre en galego. A nova versión 12.04 LTS de Ubuntu, que terá actualizacións durante os vindeiros 5 anos, relevando así á versión LTS 10.04, co que a comunidade galega de tradución ao software libre vinculada a Proxecto Trasno cerra un círculo de ampliación e mellora constante da presenza do galego na máis popular das versións de GNU-Linux do mundo.

 

Nesta nova versión o galego segue  a estar entre as linguas que acadan un maior nivel de adaptación, localización, á súa comunidade de referencia (18ª entre as únicas 40 do mundo en que se considera traducida completamente), malia o pequeno número de voluntarios incorporados ultimamente a este esforzo, o que impide completar o proceso dese 96% ata o 100%, como sería óptimo é desexable. 

 

Con esta versión queremos, pois, facer un chamamento público a todos e todas os  que cun pouco de interese e constancia poderían supoñer o necesario relevo para manter neste privilexiado nivel unha das máis transcendentes obras colectivas de tradución de software de Galicia, xa que en Ubuntu conflúen moitos dos esforzos de varios dos aplicativos en galego máis populares (Firefox, Thunderbird, Gnome, KDE, LibreOffice, etc).

E resulta ben doado, non hai máis que poñerse en contacto con nós a través da lista de correo (http://listas.trasno.net/listinfo/proxecto) ou das canles en Facebook ou Google+ por exemplo e serviremos gustosamente de compañeiros e guías ou, mellor aínda, directamente no UGT (Ubuntu Galician Translators)

Xa ora, veña, a actualizarse!!

 

 

Sobre as novidades e aspectos concretos remitímosvos á nota de prensa oficial de Canonical, empresa responsable de Ubuntu:

Ubuntu 12.04 LTS ten como obxectivo conquistar o escritorio empresarial


● Enfocado á área de traballo da empresa, o novo Ubuntu 12.04 LTS é o único sistema operativo que combina unha plataforma open-source libre con cinco anos de actualizacións garantidas e a opción de asistencia comercial.
● Grazas a Unity, o seu IGU (interface gráfico de usuario) exclusivo, ademais de aplicativos de ofimática nativos e asistencia para solucións de virtualización de escritorio líderes, que lles permite aos usuarios traballar máis produtivamente sobre o recentes PC, portátiles e clientes lixeiros.

 

Londres, 26 de abril de 2012:

Canonical lanzou Ubuntu LTS 12,04 para o escritorio. Significa a cuarta versión de edición de longo prazo (LTS) do sistema operativo favorito do mundo libre, con actualizacións de mantemento garantidas por cinco anos.

Ubuntu 12.04 LTS inclúe capacidade para virtualización de escritorio de Citrix e VMware, xunto a Microsoft RDP 7.1. Isto significa que os usuarios corporativos teñen agora unha selección de tres vías para a produtividade da oficina: entrega remota de aplicativos de escritorio, solucións baseadas na nube a través do navegador como Google Docs ou nativas, coma a suite LibreOffice compatíbel con Microsoft que ven preinstalada. Para as entidades que afrontan actualizacións custosas para o Windows 7, Ubuntu LTS 12,04 representa unha alternativa moito máis económica.

"Para implantacións de grandes empresas con procedementos planificación de longo prazo, Ubuntu LTS 12,04 é o noso mellor ambiente de traballo", segundo Jane Silber, CEO de Canonical. "Grazas áo noso extenso conxunto de asociacións respecto do hardware, imos facer actualizacións regulares para apoiar os novos PC a partir de socios certificados como Dell, HP e Lenovo. E imos apoiar aínda máis a empresas que fagan o cambio a Ubuntu nos seus escritorios."

Novo para os que actualicen a partir da última versión LTS será Unity, a interface de Ubuntu de usuario único. Tras moitas horas de probas con usuarios, foi mellorada aínda máis, para mellorar o día a día de produtividade a principiantes e expertos.

"A migración de todos os usuarios existentes de Ubuntu 10.04 á versión Ubuntu LTS 12,04 é algo que estamos ansiosos de lanzar e recoller os beneficios da facilidade de uso e funcionalidade adicional incorporada no ámbito de traballo do escritorio Unity" - PaweĹ Zieba, Consultor Senior das TIC Innovación da Capgemini BPO.

Canonical fornece asistencia comercial opcional para Ubuntu LTS 12,04 en forma de Vantaxe Ubuntu. O programa ofrece aos clientes corporativos unha selección de dous niveis de asistencia, xunto co acceso á administración Landscape ferramenta de aforro de tempo, que inclúe a conformidade, auditoría e recursos de xestión de recursos para grandes implantacións de escritorios. A diferenza doutras distribucións Linux, os clientes de Ubuntu teñen a opción de incluír a súa implantación masiva no contrato de asistencia, ou só un subconxunto que seleccione.

Grazas á estreita relación de Canonical cos principais OEM, Ubuntu LTS 12,04 xa está certificado para funcionar en máis de 20 ordenadores portátiles e de escritorio, con moitos máis a seguir nas semanas que virán.

Políticas rigorosas se implantaron para optimizar as pezas clave do código nos últimos dous anos. Como resultado, Ubuntu 12.04 LTS é máis robusto que nunca, arrinca aínda máis rápido que o seu antecesor e prolonga a duración da batería do portátil de forma significativa.

 


· Descargue Ubuntu LTS 12.04 hoxe en: www.ubuntu.com/download

· Faga un percorrido por Ubuntu LTS 12,04 en: www.ubuntu.com/tour

· Saber o que hai de novo en Ubuntu LTS 12,04 en: www.ubuntu.com/ubuntu/whats-new

· Vexa as principais características de Ubuntu 12.04 LTS e capturas de pantalla en: www.ubuntu.com/ubuntu/features

· Vexa unha lista de máquinas certificadas en www.ubuntu.com/certification

O galego está entre as primeiras 16 linguas nas que sairá o Apache OpenOffice 3.4

O Apache OpenOffice 3.4 RC está dispoñible en galego a canda outra 15 linguas como o árabe, xaponés ou portugués brasileiro. Márcase de novo un fito, conseguido polo grupo de localización de LibreOffice e Apache OpenOffice. 

Para colaborar na galeguización de OpenOffice e LibreOffice, traducindo ou informando de erros, contacta co seu coordinador Antón Méixome.

A RAG agradece os engadidos do Dicionario para Firefox e Chrome

A Real Academia Galega fíxose eco dos engadidos desenvoltos por Antón Méixome dende o Proxecto Trasno para Mozilla Firefox e do mesmo para Google Chrome desenvolto por Cabozo e que se pode consultar no seu blog. A Real Academia Galega dinos na súa nova:

 

Proxecto Trasno e Cabozo, dous colectivos sen ánimo de lucro dedicados a trasladar software libre á nosa lingua, veñen de integrar o Dicionario da Real Academia Galega en liña nos navegadores Firefox e Chrome respectivamente, dous dos máis usados do mercado.[...]

A Academia quere saudar e cumprimentar estas iniciativas de Cabozo e Trasno que contribúen, co seu labor desinteresado, a aumentar a difusión do galego na rede, así como a espallar unha ferramenta, o Dicionario da RAG en liña, concibida precisamente para atender as demandas nacidas no contexto da chamada "sociedade da información".

Estimamos o seu interese por este traballo realizado de xeito voluntario e agradecemos que redifundiran a nova.

A redifusión e os novos voluntarios son esenciais para nós xa que precisamos poder seguir tendo a forza necesaria para aportarmos á nosa sociedade todo o que agora o galego precisa na sociedade da información. 

Trasno presenta un buscador no Dicionario da RAG para Firefox

Nun par de segundos e mediante un engadido para o navegador Firefox podemos ter o novo dicionario da RAG (DRAG) integrado na lista de buscadores. A consulta de calquera palabra e a súa definición faise nun tris. Respectouse a imaxe corporativa da RAG no complemento co obxectivo de colaborar tamén nesa "achega ao servizo público" ao que convidaba a propia RAG:  "Hoxe toca innovar".

Instrucións de instalación:

1. Prema sobre a imaxe inferior que o levará á páxina onde descargalo

2. Prema no botón «+Add to Firefox» ou «+Engadir a Firefox»...

 

...e acepte a instalación.

    

Xa está instalado e úsase como calquera outro buscador.

Ás persoas que non están familiarizadas con esta funcionalidade, cómprelles saber

Como se usa?

Como con calquera outro "motor de busca" que ten ou que instalemos no Firefox, encóntrase dispoñíbel na caixa superior da dereita, á beira da barra de enderezos. Naturalmente despois de instalalo, o buscador DRAG simplemente incorpórase á lista dos dispoñíbeis (Google, Yahoo, Wikipedia, etc). Para usalo, hai que seleccionalo...

1.Seleccionalo

  

   

2. Verá que quedou seleccionado cando nesa caixa apareza o "logo" do DRAG...

  

3. Os resultados das buscas usan a xanela en uso do Firefox, así que para non perder o sitio onde se estaba, ou abrimos unha nova xanela ou, despois de buscar, volvemos atrás.

Logo de facer a nosa consulta, para deixar de usar o dicionario e volver a realizar a busca na Rede ou noutro buscador, hai que volver seleccionar o buscador da Internet que queiramos (Google, Yahoo, etc.) como vimos antes.

 

Se lle gustou tamén pode deixar unha mensaxe na páxina de Mozilla onde se descarga para axudar á súa difusión.

Nota: Este pequeno complemento é, en si mesmo, completamente independente do servizo oficial que presta o DRAG. O add-on para Firefox DRAG segue as políticas de publicación e licenzamento da Fundación Mozilla. En concreto, este complemento sae á luz coa licenza LGPLv3.